29 de abril de 2018

Almorzos saudables

En colaboración coa Consellería de Sanidade, este venres participamos na campaña " Almorzos saudables". A actividade consistiu nunha charla sobre a importancia de alimentarse ben cunha dieta equilibrada e variada, a desgustación dun almorzo e rematou con outra charla sobre a importancia dá hixiene buco-dental e a técnica do cepillado, a cargo dunha técnica dá Consellería de Sanidade. 



E para rematar agasalláronnos un conto dos Bolechas e un kit de limpeza bucodental. Moitas grazas!

Tedes máis fotos premendo aquí.

Presentámosvos a Pepetartaruga

Este venres Thiago presentounos á súa mascota. Pepetartaruga é pequeniño, aventureiro e un pouco traste e Thiago contounos moitas cousas del. 


Que ben o pasamos!

27 de abril de 2018

Gozamos das plantas

Estes días estamos investigando moito sobre as plantas. Temos a sorte de ter no patio unhas árbores que nos permiten observar o nacemento e crecemento das súas novas follas.


Tamén vimos agromar algunhas sementes. 


E hoxe tivemos unha sesión práctica de xardinería.
A profe Belén trouxo diversas plantas para cultivar en testos: caléndulas, coleos, alegrías, begonias, romeu, herba luísa, amorodeiras, tomateiras...e tamen trouxo sementes e bulbos.



E fomos ao patio para traballar máis comodamente. Primeiramente botamos terra nos testos. Decontado colocamos as plantas, engadimos un pouco máis de terra e apisoámola ben. 


E rematamos cunha regadura abondosa.


A partir de agora estaremos moi pendentes para que non lles falten os coidados necesarios para que medren fortes e fermosas. 



Tedes todas as fotos aquí.

26 de abril de 2018

Feliz aniversario Hugo!!!

Hoxe temos de aniversario a Hugo, que cumpre seis anos. Festexouno cos seus compañeiros repartindo unhas lambetadas deliciosas. Podedes velo aquí:
https://aprofebelen.blogspot.com.es/2018/04/cumple-de-hugo.html 


Parabéns Hugo!!!

A ovella Engracia

Engracia estaba aburrida de levar unha vida rutineira; comer herba, durmir a sesta, saltar balados para que a xente conte ovellas cando se van a deitar... sempre o mesmo! Un día decidiu ir ver a lúa, e aí empezou a viaxe de 'A ovella Engracia', un espectáculo inédito e exclusivo de María Lado, Lucía Aldao e o Seminario Permanente de Jazz, especialmente creado para O Salón do Libro Infantil e Xuvenil.


Pasámolo xenial, portámonos de marabilla  e cando rematou a función, Orbil veu saludarnos con moito agarimo.

V Certame Fotográfico

Xa estamos a recibir as primeiras fotografías para o V Certame Fotográfico.


  
Animádevos a participar, aínda estades a tempo.

24 de abril de 2018

Mochilas viaxeiras: Hugo, Xabi e Lucía

Mirade que contentos están Hugo, Xabi e Lucía. As mochilas viaxeiras estarán estes días nas súas casas e pasarán moi bos momentos con elas. Seguro!

19 de abril de 2018

Hoxe visitounos...

... unha ra! 
Pablo e David trouxéronnos de visita unha ra que atoparon cando foron a dar un paseo polo monte co seu papá. 


Nos libros e na internet pescudamos moitas cousas sobre as ras... e encantáronnos as multicolores: azuis, vermellas, amarelas... 


Logo debuxámolas e ata na sesión de psicomotricidade fixemos carreiras saltando como elas.

Froitas frescas na escola

Outra semana máis seguimos con "Froitas frescas na escola" . Ananás, arandos, peras...que boas están!!!

13 de abril de 2018

Ponlle as pilas ao teu bocata!


Como o curso pasado, este tamén participamos en "Ponlle as pilas ao teu bocata", unha campaña destinada a fomentar o consumo de conservas do mar elaborando bocadillos saudables.
Dúas PANS (Profesoras da Alimentación e a Nutrición Saudable) explicáronnos o importante que son as conservas de produtos do mar para a nosa saúde.  



Deseguida todos recibimos como agasallo unha gorra chulísima e puidemos escoller os ingredientes para elaborar o noso bocata.


 Decontado  voltamos as aulas para dar boa conta dos nosos bocadillos. Non deixamos nin unha soa migalla!!!


 Na ligazón da campaña “Ponlle as pilas ao teu bocata” tedes receitas, consellos, xogos interactivos e moitas cousas máis.
http://www.ponlleaspilasaoteubocata.xunta.es/

Tedes todas as fotos aquí.

Mauro e Evelio comparten connosco...

Días atrás Mauro quixo compartir cos seus compañeiros uns magníficos debuxos de dinosauros  que fixo na súa casa e unhas palmeiras de chocolate que cociñou con axuda do seu irmanciño. Moitas grazas Mauro! 


E hoxe Evelio ensinounos un libro que fixo co seu papá do poema Bere Lele (Alcaraván). Moitas grazas Evelio!

"V Certame Fotográfico"

Convocamos o "V Certame Fotográfico" co tema: "Máquinas programables que melloran a nosa vida", relacionado co PDI deste curso, "Meu amigo o robot".


Tedes de prazo para participar ata o 7 de maio. Agardamos as vosas fotos!


Máis información no blog da Biblio do Checho:

O xoves...mandarinas!

Continuamos coa semana da froita e o xoves tomamos unhas mandarinas deliciosas. 


Para traballar a motricidade fina, todos mondaron cadansúa mandarina. E o fixeron estupendamente!

12 de abril de 2018

Hoxe... amorodos!

Seguimos co programa "Froitas frescas na escola" saboreando uns riquísimos amorodos. 


Estaban tan apetitosos que non deixamos ningún!

Recuncho das Mochilas Viaxeiras

O recuncho das Mochilas Viaxeiras segue enchéndose cos debuxos que os nosos Pequerrech@s fan dos seus contos favoritos. Mirade que bonitiños!

https://photos.app.goo.gl/dzJGbtCau6pRQB5y2

Estes días estarán nas casas de Andrés, Breixo e David. 


Desfrutade con elas!

10 de abril de 2018

Froitas frescas na escola

Repetimos experiencia, este curso tamén participamos no programa "Aliméntate ben" das Consellerías de Medio Rural e do Mar no apartado de "Froitas frescas na escola". Trátase dunha campaña de concienciación para xerar hábitos saudables de consumo de froita entre escolares.
Coa axuda recibida do FOGGA poderemos degustar froita fresca de tempada cada día da semana para tomar no recreo.


Hoxe comezamos cuns arandos. Estaban deliciosos!  

9 de abril de 2018

"Mulleres de conto" no Salón do Libro


 Un ano máis abriu as súas portas o XIX Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra co tema "Mulleres de Conto". O título do traballo presentado polo noso cole para participar é "Mulleres cunha vida case de conto" e os Pequerrech@s colaboramos nel decorandoo cos nosos debuxos.





 Hoxe fomos visitar o Salón. Alí estaba Orbil para recibirnos.



Axiña disfrutamos dos contos de Andrea Bayer.



Deseguida as nosas monitoras leváronnos a percorrer os diferentes recunchos do Salón e a exposición dos traballos presentados polos coles, o noso entre eles.




Que ben o pasamos!!!
Non deixedes de visitar a XIX edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra!!! 

Tedes as fotos premendo aquí. 

Feliz aniversario Louay!!!

Hai uns días Louay cumpriu catro anos e quixo celebralo con todos os seus compañeiros repartindo unhas lambetadas riquísimas. Moitas grazas!


Parabéns Louay!!!