28 de outubro de 2016

Moito maxín hai no Samaín!

Hoxe fixemos festa rachada. 
Cando chegamos pola mañá, esperábannos as cabazas coas velas acesas.


Logo tivemos obradoiro de maquillaxe. Mirade que terroríficamente guapos quedaron todos.  


E deseguido puxémonos a preparar unha estupenda merenda.
Os de tres anos encargáronse de facer unha apócema máxica:  zume de laranxas con gominolas de amoras arrepiantes, aínda que tamén caeron nos vasos algún que outro verme ou araña.


Os de catro e cinco anos dedicáronse a elaborar unhas apetitosas e pavorosas arañas de galleta e regalicia.


Estaba todo boísimo! 


Máis tarde fomos á Biblio do Checho para escoitar os contos dos compañeiros de primaria que gañaron o II Concurso de Contos de Medo.


E para rematar concedéronnos a todos un diploma por participar con alegría e  entusiasmo nas actividades do Samaín.


Foi unha mañá xenial e tedes todas as fotos aquí para poder comprobalo!!!

27 de outubro de 2016

Que medo!!!


Xa temos todo preparado para a celebración de mañá.



 
Os corredores estan cheos de meigas e bruxos, casas encantadas, morcegos tremebundos e arañas espantosas, e sobre todo cabazas; cabazas arrepiantes, terroríficas, ocorrentes, graciosas, enxeñosas...


Unha vez máis,  os Pequerrech@s da Carballerira   demostraron que son uns magníficos artistas. Con un chisquiño de axuda por parte dos papás e mamás conseguiron que a nosa exposición de cabazas sexa a mellor do mundo mundial.

Moitas grazas ás familias pola súa implicación.
Podedes ver a todos os Pequerrech@ cadansúa cabaza premendo aquí.


26 de outubro de 2016

Tedes todo preparado para A Noite dos Calacús?

Non vos esquezades de traer mañá vosa cabaza decorada que no cole xa temos preparado unha chea de cousas para celebrar como se merece o Samaín: exposicións, contacontos, obradoiros de maquillaxe, bailes, cancións e moito máis.

E para entrar en faena aquí deixámosvos o "Brinca Vai!": No Samaín, de Paco Nogueiras (Kalandraka)



21 de outubro de 2016

Pam e Mina van de visita.

Esta fin de semana Pam coñecerá a casa de Eder e Mina tamén irá á de Hugo.


Seguro que o pasarán xenial!!!

Día das Bibliotecas Escolares

Hoxe, no cole, celebramos o Día das Bibliotecas Escolares.
Reunímonos todos na Biblio do Checho e alí presentáronse as bibliotecas de aula, o Proxecto Documental Integrado "Alimentación saudable" que seguiremos desenvolvendo este curso, e as "Mochilas viaxeiras" que con tanta ilusión estabamos a esperar.


Os primeiros dos Pequerrech@s que poderán entreterse con elas son Xabi e Iris.


Agardamos que desfrutedes desta oportunidade de compartir coas vosas familias o pracer da lectura e non vos esquezades de botarlle un ollo ao tríptico que as acompaña e de coidar moito os materiais que conteñen.


20 de outubro de 2016

"A Biblio Bonita"

Os nenos de 4 e 5 anos inauguraron biblioteca na súa nova aula.
Decidiron chamala "A Biblio bonita" porque ten libros moi divertidos e bonitos, cos que se aprenden moitas cousas,


as gabetas onde se gardan están decoradas con pegatinas e todos os libros están moi ben ordenados, 


e hai unha alfombra de cores onde sentar a ler comodamente.  



Todos os días poden desfrutar deste recuncho tan especial, coller un libro e "lelo", contarllo aos compañeiros, descubrir cousas novas e interpretalas á súa maneira, e deixar voar a súa imaxinación...

Outubro: mes da biblioteca escolar

O cuarto luns do mes de outubro celébrase do Día Internacional da Biblioteca Escolar e en Educación Infantil xa temos preparadas as nosas bibliotecas de aula.

O nenos da aula de tres anos están encantados co seu "Recuncho dos Piratas", a súa pequena bliblioteca chea de historias engaiolantes coas que pasar momentos superdivertidos. 
Mirade que cariñas de ledicia ante tantos contos marabillosos.


19 de outubro de 2016

Estreamos o préstamo de libros da Biblio do Checho!

Hoxe os maiores foron á biblioteca e, por fin,  estrearon o servizo de préstamo de libros que con tanta ilusión esperaban. 
Co seu novo carné de usuarios nunha man e o libro elixido na outra, agardaron moi formais a que lles chegase a quenda de formalizar o préstamo.





Logo metérono na mochila "Hora de ler" para levalo a casa sen maltratalo e poder disfrutar nos seus fogares dun momento compartido de lectura con toda a familia.







E lembrade:
Podedes levar un libro cada mércores.
Debedes devolvelo antes do seguinte mércores para poder levar outro.
Tedes que coidalo moito, moito para que non se estrague e outros nenos poidan seguir gozando del.