31 de maio de 2019

Feliz aniversario Adrián e Sasha!!!

Estes días celebramos os aniversarios de Adrián, que xa ten seis anos, e de Sasha, que cumpre cinco.



Parabéns Adrián!!!
Parabéns Sasha!!!

Cultivamos plantas: os feixóns


Días atrás propuxemos aos  Pequerrech@s realizar un experimento: plantar unha semente e observar como xermola e vai medrando a planta.

Investigamos sobre o proceso de crecemento dunha planta. Falamos do que precisan as plantas para medrar sas.  Especulamos que podería pasar en caso de faltar algunha das tres fontes de vida: luz, auga, terra.


E o venres pasado xa  tiñamos todo preparado para plantar as nosas sementes de feixóns.


Parte delas plantámolas nun sementeiro. Primeiramente botamos terra. Decontado colocamos as sementes, engadimos un pouco máis de terra e apisoámola ben. E, para rematar, regámolas con moito coidado e colocámolas nun lugar solleiro.


Outra parte colocámolas  en vasiños con algodón, auga e luz. E  as últimas metémolas en tarros sen terra, auga nin luz, para ver a diferenza no crecemento. 


En algo menos dunha semana este vai sendo o resultado.


Seguiremos investigando….

Tedes as fotos premendo aquí.

26 de maio de 2019

Cóntame un conto: Un conto cheo de lobos

Rematamos a semana de Cóntame un conto con Ariadna e "Un conto cheo de lobos"



Había lobos grandes e lobos pequenos. Lobos durmidos e lobos espertos. Lobos xigantes, lobos ananos… e lobos con máis de cen anos. Había lobos de todas as cores: verdes, azuis, vermellos… Había lobos con lentes e lobos con sombreiro. Lobos que escribían cartas, lobos trampulleiros e lobos que mexaban sobre un formigueiro. O conto estaba cheo de lobos!


Moitas grazas, Ariadna!!!

Cóntame un conto: Rufus, o morcego que adoraba as cores

O xoves, Carmen achegounos a divertida historia de "Rufus, o morcego que adoraba as cores"



Canso da noite e da súa escura vestimenta, este morcego decidiu pintarse de cores e voar de día, mais... non foi unha idea tan boa!


 Moitas grazas, Carmen!!!

Cóntame un conto: O branco non pinta

O mércores foi Gabi o noso contacontos cunha historia excepcional, "O branco non pinta"



O branco non pinta! é unha aproximación dende a Literatura infantil ao branco e ao seu valor conceptual que a maior parte das veces seméllanos lonxana e inaccesible, unha oportunidade para adentrarnos nunha reflexión profunda sobre a importancia das preguntas na infancia.


Moitas grazas, Gabi!!!

Cóntame un conto: Loboferoz

Seguindo coas actividades para celebrar as Letras Galegas, esta semana toculle aos maiores do cole vir contar algún conto aos Pequerrech@s.

Sergio comezou o martes contándonos "Loboferoz"


Era unha vez un lobo tan preguiceiro que, por non se esforzar, non comía máis que papas de arroz. Un día mirouse no espello e, ao verse tan fraco, decidiu converterse nun lobo feroz… 


Moitas grazas, Sergio!!!

As nosas mascotas van de visita

Esta foi a última visita por este curso de Pam e Mina a casa de nosos Pequerrech@s. Alejandro e David foron os afortunados esta vez.

VI Certame fotográfico: Máquinas antes-despois

Así de contentos posan os nosos Pequerrech@s cos diplomas conseguidos no VI Certame Fotográfico "Máquinas antes-despois".


Como sempre, as familias dos Pequerrech@s implicáronse nesta actividade cunhas fotografías cheas de calidade e orixinalidade.
 Estas son as súas estupendas fotos que podedes ver na exposición do corredor principal do cole.











Moitas grazas, familias pola vosa colaboración!!!

Celebramos as Letras Galegas 2019

O xoves 16 celebramos no cole o Día das Letras Galegas.
No recreo, as compañeiras de 5º de primaria prepararon para nós unha divertida Busca do Tesouro.


Máis tarde, todos os alumnos do cole reunímonos no ximnasio onde visualizamos un video da biografía de Antón Fraguas, o autor homenaxeado. Despois os maiores de 6º de primaria representaron "O casamento da pulga", cantiga recollida por Antonio Fraguas no Cantigueiro de Cotobade.
Os Pequerrech@s de tres anos confeccionaron parte dos atavíos para os actores da obra. 


Axiña entregáronse os premios do IX Certame Literario aos representantes de cada curso de Infantil e Primaria.


Deseguida entregáronse os premios do VI Certame Fotográfico. Breixo, Mauro, Iago, Manuel, Jose G., David O., Lucas, Evelio, Manuela, Noa, Fabián, Brais e Claudia recibiron un diploma pola súa participación. 

E así rematamos as actividades do Día das Letras Galegas, esta data tan importante para a nosa lingua e a nosa cultura.


"A lingua é a nosa marca de identidade, a nosa creación colectiva. É o noso privilexio e o noso orgullo".


 http://apego.gal/dez-razons-para-falarlle-galego/

15 de maio de 2019

Xogamos coas cores e as formas na arte

Seguimos a xogar coas cores e as formas na arte. Con estas actividades motivamos o  razoamento espacial, espertamos a  expresión artística, a  creatividade e imaxinación e potenciamos a  autoestima.

Esta semana, na aula de tres anos exploramos con xiz de cores sobre cartolina... e descubrimos un spray que fixa a cor dos xices para que non manchen.

Na aula de catro anos eliximos témpera líquida sobre cartón de celulosa coa que estimulamos a coordinación motora e a psicomotricidade fina de mans e dedos e potenciamos a sensibilidade táctil  así como a  capacidade creativa.


O resultado tédelo no corredor de Infantil. Artistas!!!

“A detective Peregrina e o insólito caso de Antón Fraguas”

Este martes, os Pequerrechos de 5 anos participamos xunto cos compañeiros de 1º e 2º de primaria dun obradoiro creativo que leva por título “A detective Peregrina e o insólito caso de Antón Fraguas” do que se encargou a compañía Polo Correo do Vento. 

A detective Peregrina é unha entusiasta da cultura galega.Un día descubrirá a obra de Antón Fraguas e iso cambiará a súa vida. E a de toda a veciñanza. 


Enrique Mauricio como narrador e Carlos Taboada como ilustrador achegaronnos a Antón Fraguas, o persoeiro ao que se lle adica o Día das Letras Galegas deste ano e os Pequerrechos pasámolo de marabilla converténdonos en ilustradores por un día grazas a eles.


3 de maio de 2019

Cóntame un conto 2019

Esta semana tivemos a sorte de contar coa colaboración de  Alfonso, Ana, Sergio, Manuel e Divina que se mergullaron cos Pequerrech@s no marabilloso mundo da lectura e compartiron historias cheas de imaxinación, aventura, diversión... fortalecendo o vículo entre as familias e a escola. 



 Moitísimas grazas a tod@s!!!

Mochilas viaxeiras: Máximo, Iker e Ian

Estes días as mochilas viaxeiras están nas casas de Máximo, Iker e Ian.
Esperamos que pasedes moi bos momentos con elas.



As nosas mascotas van de visita

Esta fin de semana Pam e Mina visitan as casas de Brais e Óscar. De certo que o pasarán estupendamente!


Cóntame un conto: A casa da mosca chosca

E como remate da semana de "Contame un conto",  Divina, a nai de Alejandro, achegounos "A casa da mosca chosca" 


Na casa da mosca hai unha torta de amoras, sete pratos, sete banquetas, sete animais a punto de merendar. Xa non cabe ninguén máis… pero alguén peta na porta.


 “A casa dá mosca chosca” é unha adaptación realizada a partir do conto popular ruso. Os protagonistas introducen aos lectores nun divertido xogo de números e tamaños, rimas, repeticións e ritmos, que son elementos propios da tradición oral...


 Moitas grazas, Divina!!!

Cóntame un conto: Amelia quere un can

Este venres Manuel, o pai de Alicia, tróuxonos "Amelia quere un can"

 
Amelia entrou no salón. O seu pai estaba sentado na súa cadeira favorita lendo o xornal.
“Papá”, dixo ela. “Estaba pensando…”. O seu pai suspirou. «Cando Amelia pensa, seguro que hai problemas». Amelia continuou: “Papá, non poderiamos ter un can?”



Os caprichos de Amelia teñen un tamaño directamente proporcional á súa astucia porque, ante a negativa dos maiores, que mellor estratexia que pedir o imposible? Unha historia de insólitas mascotas a proba de rapaces que nos fai reflexionar sobre a responsabilidade e compromiso que supón ter animais na casa. E tamén, que non podemos adoptar a calquera animal a noso antollo porque os hai que necesitan vivir nos seus propios hábitats.


Moitas grazas, Manuel!!! 


Tedes as fotos premendo aquí.


2 de maio de 2019

Cóntame un conto: A mellor sopa do mundo

Este xoves Sergio, o papá de Sergio, foi o encargado de achegarnos "A mellor sopa do mundo".



Sorprendidos por unha tormenta de neve, varios animais refúxianse na casa de Tartaruga que, nese momento, poñía a auga a ferver para preparar unha sopa.



Partindo dun encontro fortuito, propiciado polo mal tempo, esta historia amosa que con pouco pódese facer moito, á vez que resalta o valor das pequenas cousas e, sobre todo, da amizade e a cooperación.


Moitas grazas, Sergio!!! 


Podedes ver as fotos premendo aquí.

Feliz aniversario Alicia!!!

Vaia cadea de aniversarios levamos esta semana! 
Hoxe, na aula dos pequenos celebraron o cuarto aniversario de Alicia que trouxo un riquísimo biscoito para agasallar aos seus compañeiros.


Parabéns Alicia!!!