28 de abril de 2017

Cóntame un conto!: A casa da mosca chosca

Rematamos os contacontos desta Semana do Libro con Patricia, a nai de Manuel. "A casa da mosca chosca" foi o conto que nos trouxo.

 
Farta de zoar dun lugar a outro, a mosca chosca decidiu facer unha casa e convidar os animais do bosque. Fixo un pastel de amoras, colocou sete banquetas e sete pratos na mesa. E, co arredendo da torta, foron aparecendo, do máis pequerrecho ao máis grande, sete estraños personaxes. Xa non cabe ninguén máis… pero alguén peta na porta.


 A casa da mosca chosca é un conto popular ruso e un estupendo álbum para traballar os números cardinais e ordinais, os tamaños, as rimas...


  


Durante toda a semana Óscar, Noelia, Juan José, Sergio e Patricia mergulláronse cos Pequerrech@s no marabilloso mundo da lectura e compartiron historias cheas de imaxinación, aventura, diversión... fortalecendo o vículo entre as familias e a escola. Moitísimas grazas a tod@s!!!

Podedes ver as fotos premendo aquí.

Pam e Turi van de visita.

Esta fin de semana Pam visitará a casa de Breixo e Turi estará na de Iris, farán un montón de cousas xuntos e o pasarán xenial. Seguro!



Mochilas viaxeiras: Eder

A Mochila Viaxeira xa está na casa de Eder.


Esperamos  que os divirtades moito con ela.

Un cabaliño de mar!

Onte Joel sorprendeunos cun cabaliño de mar. O mundo submarino está cheo de animais extraordinarios!


27 de abril de 2017

Cóntame un conto!: El viaje de los pingüinos

Este xoves Sergio, o pai de Iris, veu contar "El viaje de los pingüinos".


 A Terra quéntase e o polo comeza a derretirse. Un grupo de oitenta e catro pingüíns decide ir vivir a outra parte: primeiro van ao mar, pero está contaminado; logo buscan as verdes praderías, pero alí só hai fábricas; máis tarde deciden ir ao bosque, pero esta deforestado... 


"A viaxe dos pingüíns" é un albúm que nos fala dos perigos que ameazan a Terra na que vivimos se a tratamos mal e contaminámola sen control, así que entre todos debemos coidar o noso planeta, que é o noso fogar.


Moitas grazas Sergio!



Podedes ver as fotos premendo aquí.

26 de abril de 2017

Cóntame un conto!: Hay un tigre en el jardín

Este mércores foi Juan José, o papá de Breixo, o noso contacontos cunha historia máxica: "Hay un tigre en el jardín".


Nora atópase aburrida en casa da súa avoa. Esta, ao decatarse, fálalle dun tigre que vive no seu xardín e pregúntalle se o viu. Aínda que no xardín suceden cousas moi estrañas, Nora está absolutamente segura de que non hai ningún tigre aí, por moito que diga a súa avoa. Todo o mundo sabe que os tigres viven na xungla, non nos xardíns...Verdade?



"Hay un tigre en el jardín" é un conto bellísimamente ilustrado sobre a diversión, o sentido do humor e o gran poder da imaxinación. 


Moitas grazas Juan José!


Podedes ver máis fotos premendo aquí.

Unha visita moi especial

Esta mañá Iris tróuxonos unha visita moi especial. Uns caranguexos que atopou a súa avoa na praia e antes de devolvelos ao seu habitat quixo ensinalos na clase.


Curiosos como somos, aproveitamos para investigar sobre os caranguexos e coñecer unha chea de cousas sobre eles.

Algo que nos chamou moitísimo a atención é como cambian o caparazón. Mirade que interesante


Foi unha visita xenial! 

Podedes ver máis fotos premendo aquí.

Cóntame un conto!: Elmer

Este martes Noelia, a nai de Mauro, foi a encargada de achegarnos un clásico imprescindíbel da literatura infantil, "Elmer".


Elmer non é como os outros elefantes da súa manda . Elmer é un elefante multicolor. Pero a Elmer non lle fai nin chisco de graza ser así, máis ben está farto de ser distinto, así que un día decide escaparse da manda e buscar un remedio para poder ter a mesma cor de pel que os demais...


Elmer é unha historia magnífica para traballar o respecto polas diferenzas e a diversidade. Todos somos distintos, todos somos iguais.

E despois de contarnos o conto, Noelia tíñanos preparada unha sorpresa. Trouxonos un crebacabezas para xogar a formar a figura de Elmer e unhas siluetas de elefante para que cada un puidese colorearla ao seu gusto e logo poñerlle un matasuegras coma se fose a trompa.



Foi divertidísimo!

E para rematar, agasallounos coa figura de Elmer.
Moitas grazas Noelia!

Podedes ver todas as fotos premendo aquí.

24 de abril de 2017

Cóntame un conto!: La vocecita

Continuamos coas actividades programadas para o Día do Libro e esta semana contamos coa colaboración das familias para realizar unha das favoritas d@s Pequerrech@s.
Hoxe Óscar, o pai de Adrián, veu contar  "La vocecita".


Perico quere facer caca. Escóndese detrás dunha árbore, pero descobre que non hai papel para limparse. Ve un calzón vello e furado colgado dunha póla, úsao e tírao. De súpeto unha voceciña que se presenta como a súa conciencia rífalle e ordénalle que lave esa porcallada. 


"La vocecita" é unha divertida historia non só polo seu comezo escatológico senón polo seu sorprendente final, que aproveita para ensinar aos nenos normas de hixiene, o respecto cara aos demais e as súas pertenzas, así como poder emendar os erros cometidos.



  
Moitas grazas Óscar!

Podedes ver as fotos premendo aquí.

Mochilas viaxeiras: Adrián

A mochila viaxeira xa está na casa de Adrián.  Esperamos que o pasedes moi ben con ela.

21 de abril de 2017

Pam e Mina van de visita

Esta fin de semana Pam visitará a casa de Xabi e Mina estará na de Hugo. 


Seguro que o pasarán estupendamente!

Feliz aniversario Hugo!!!

Hoxe festexamos o aniversario de Hugo, que xa ten cinco anos e quixo celebralo con todos nós repartindo unhas lambetadas deliciosas.



Parabéns Hugo!!!

23 de abril: Día do Libro

Este venres no cole celebramos o Día Internacional do Libro.
Xuntámonos todos na Biblio do Checho onde lembramos o motivo desta conmemoración, o falecemento dos escritores Miguel de Cervantes, William Shakespeare e o Inca Garcilaso de la Vega na mesma data no ano 1616.

O alumnado de terceiro de primaria fixo unha lembranza  de Miguel de Cervantes e da súa obra o Quixote.



Tamén miramos un vídeo moi interesante sobre o Día do Libro.


E o alumnado de 5º e 6º realizou un kamishibai cun fermoso conto tradicional coreano, "A bolsa dos contos".


Foi unha xornada moi especial!
Moi feliz Día do Libro!!!

18 de abril de 2017

IV Certame fotográfico "Alimentación saudable"

Lembrámosvos que xa está convocado o IV Certame Fotográfico "Alimentación saudable"


Tedes de prazo para participar ata o 12 de maio. Agardamos as vosas fotos!
Tedes máis información no blog da Biblio do Checho:


7 de abril de 2017

Estamos de aniversario!!!

O 8 de abril do curso pasado nacía este blogue,  Pequerrech@s da Carballeira. 

Cento corenta e cinco publicacións e miles de visitas despois, coidamos que foi un acerto abrir esta xanela ao mundo para compartir o que sucede nas nosas aulas de Educación Infantil.

Pequerrech@s da Carballeira: Blog from Educación Infantil on Vimeo.

Queremos agradecer a toda a comunidade educativa o seu apoio, en especial a ANPA polo seu inestimábel labor de difusión. Moitas grazas!!!

6 de abril de 2017

5 de abril de 2017

Unha visita moi mariñeira

Onte rematamos as actividades da campaña "O sabor da aventura está no mar" cunha visita ao porto, á lonxa e á praza de abastos de Bueu.
Xunto cos compañerios de 1º e 2º de primaria, @s Pequerrech@s fomos ata a vila de Bueu. No porto esperábannos os nosos monitores que nos dividiron en dous grupos, infantil dunha banda e primaria de outra, para facer a visita máis doada.



No edificio da lonxa comprobamos o que fan cos peixes e mariscos desde que os descargan dos barcos ata que os levan ás pescaderías: pesar, etiquetar, clasificar, poxar...


Tamén nos ensinaron as cámaras de frío e como pican o xeo para conservar o peixe.


De seguida, no porto, mostráronnos os diferentes tipos de embarcacións e as artes de pesca e fixemos uns xogos moi divertidos, uns eramos redes e outros os peixes que caían nelas.


 Continuamos ata a praza de abastos  onde atopamos moitas especies de peixes e mariscos dos que os praceiros e praceiras nos falaron e mostraron moi amablemente. Ata a dona dunha carnicería agasallounos cunhas gominolas!

 Máis tarde chegou á hora da merenda mariñeira. Cunhas albóndegas de pescada fixemos uns polbiños ben xeitosos. Logo tomamos unhas variñas máxicas de atún e de sobremesa iogur de vainilla. 

E para rematar os monitores tíñannos preparada unha sorpresa. Rifaron unha camiseta por cada curso e agasallaronnos a todos cunha gorra chulísima, adhesivos da cuadrilla dos arroaces e os comics das súas aventuras, e un diploma pola nosa participación no programa "O sabor da aventura está no mar"



Podedes ver máis fotos premendo aquí.